POR REDACCIÓN A CORUÑA, PUBLICADO 09/10/2023
Enlace a fuente oficial: A UDC, única universidade española admitida no LXVII Curso Internacional Método ARCÓN – 21NOTICIAS
A UDC, única universidade española admitida no LXVII Curso Internacional Método ARCÓN. A profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, Adriana Ivette Ávila, foi admitida como investigadora internacional para constatar o Método ARCÓN, o medio de busca e detección para salvamentos máis eficaz e galardoado da historia.
A profesora da Universidade da Coruña e decana da Facultade de Ciencias da Saúde, Adriana Ivette Ávila Álvarez, foi admitida como investigadora internacional para constatar cientificamente de forma teórica, práctica e directa o Método ARCÓN no LXVII Curso Internacional do Método ARCÓN, que está tendo lugar na Universidade Tecnolóxica de Panamá entre os días 2 e 27 de outubro.
O curso combina sesións teóricas e prácticas, co obxectivo de demostrar o nivel de efectividade deste método, creado polo investigador español Jaime Parejo e que constitúe o único sistema oficial de formación e prevención para equipos caninos de rescate en catástrofes, destinado ao salvamento de superviventes sepultados en derrubamentos.
Esta complexa metodoloxía está recoñecida como un grande avance científico e legado transcendental polo ben da humanidade, e foi galardoada mundialmente xunto ao seu creador, Jaime Parejo, por organismos relevantes como a ONU, gobernos e prestixiosas universidades.
Unha seleccionada lista de institucións de diversos países (Brasil, Colombia, Ecuador, España, Venezuela, México e Panamá) forma parte do alumnado do curso, entre os que se inclúen corpos de policías, exército, corpos de bombeiros, protección civil e Cruz Vermella, entre outros.
Na primeira parte do curso realizouse a preparación da zona de cascallos, a intervención dos cans de rescate e a impartición de clases teóricas. No caso da docente Adriana Ivette Ávila, a súa participación dará comezo o día 11 de outubro e o obxectivo da súa estadía no curso é a constatación e avaliación directa da efectividade deste método, como destacado avance científico, na complexa área de busca e detección canina e a iniciación da aprendizaxe do mesmo, para a súa futura aplicación en proxectos de investigación, onde a detección ao máximo nivel constitúa un aspecto determinante e esencial para a persoa. Con esta participación, desde a Unidade de Investigación de Terapia Ocupacional da UDC proseguen a súa colaboración en proxectos de investigación de carácter internacional.